O Nokia 3310 sorprende cunha versión con 4G

martes, 30 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

O Nokia 3310 foi un produto que tras o seu relanzamento chamou moito a atención polo seu aire retro e o seu tirón nostálxico, aproveitando que continúan a existir consumidores que non precisan dun smartphone para estaren comunicados. Este terminal móbil funciona con redes 2G e, aínda que logo tamén saíu unha versión con 3G, agora sorprende bastante máis que ousaran lanzar unha revisión do móbil con 4G, principalmente porque as súas melloras de velocidade de datos serán perceptibles para moi poucos usuarios.
Este novo teléfono mantén a súa pantalla de 2,4 polgadas cunha resolución de 320 x 240 píxeles, en 512 MB de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSD de até 64 GB, cámara de 2 Mpíxeles con flash LED, integra radio FM e reprodutor de MP3, soporta Bluetooth 4.0 e Wi-Fi N, e aínda que é moi limitado en funcionalidades, o feito de que a súa batería de 1.200 mAh permítalle aguantar até 12 días en espera convence a moitos. O seu grosor é de 13,35 milímetros e pesa 88,1 gramos, pero aínda que o 4G parece unha funcionalidade inútil, realmente o que busca é darlle unha maior lonxevidade ao terminal (nalgúns países teñen data de cesamento do 3G), permitir unha mellor calidade de chamadas (soporta voz sobre LTE) e unha opción que pode resultar moi interesante: pode converterse nun punto de acceso Wi-Fi para compartir con outros dispositivos a conectividade móbil.

PUBLICIDADE