O Nokia 6 renóvase

venres, 5 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

Na pasada edición do Mobile World Congress presentouse o Nokia 6 como un smartphone de gama media cun bo acabado que chegaría ao mercado a un prezo de 229 euros, pero en vez de lanzar un novo teléfono tiveron a ben renovar o anterior, e na páxina web chinesa da compañía xa figura unha versión actualizada do Nokia 6 que por 1.499 iuans (192 euros) conta cun procesador Qualcomm Snapdragon 630 (en vez do anterior 430), 4 GB de RAM (en vez de 3 GB) e conector USB-C (en vez de micro USB) polo que estamos ante unha revisión en toda regra.
O novo teléfono conta con pantalla Full HD de 5,5 polgadas, 32/64 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 128 GB), cámara traseira de 16 Mpíxeles, batería con carga rápida (que permítelle completarse até o 50% en só 30 minutos) e sistema operativo Android 7.1.1 actualizable en breve a Android 8.
Un xeito doado de diferenciar a revisión do Nokia 6 do modelo orixinal é que o novo trasladou o sensor de pegadas dixitais do frontal á parte traseira.
Espérase que tarde uns meses en chegar ao mercado europeo como aconteceu co resto de móbiles da marca Nokia, que dende que son fabricados por HMD Global teñen como prioridade os mercados asiáticos.

O novo Nokia 6 continúa a apostar pola súa cámara traseira de 16 Mpíxeles

PUBLICIDADE