O Nokia 9 PureView preséntase cunha cámara traseira quíntupla sen zoom nin grande angular

luns, 25 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

HMD Global acudiu ao Mobile World Congress con varios teléfonos da marca Nokia, como o básico Nokia 210, os modestos Nokia 1 Plus, Nokia 3 e Nokia 4, e o prometedor Nokia 9 PureView, sendo este último no que se centraron as miradas para coñecer a proposta da súa cámara traseira quíntupla desenvolvida en colaboración con ZEISS, e que para moitos foi unha grande decepción, xa que optaron por integrar 5 cámaras de 12 Mpíxeles coa mesma distancia focal, das que 2 recollerían imaxe en cor e 3 en branco e negro, para compoñer imaxes cun grande rango dinámico e precisión nas cores, así como cunha profundidade de campo notable, pero que carecería das opcións que teñen os últimos smartphones de alta gama como son o grande angular e o teleobxectivo.
A cámara traseira quíntupla do Nokia 9 PureView recolle 10 veces máis luz que as cámaras cun so obxectivo, permitindo que as imaxes conte con HDR e cun completo mapa de profundidade, así como un alto rango dinámico que permite rexistrar as imaxes sen compresión para logo poder tratalas como desexemos a través dunha versión do Adobe Photoshop Lightroom, ou sexa, que teriamos unha experiencia fotográfica comparable á dunha cámara réflex con focal fixa, aínda que até que este terminal pase por mans que poidan polo a proba non saberemos se realmente esta solución consegue realmente fotografías magníficas ou queda nunha simple anécdota.
O Nokia 9 PureView tamén está equipado cunha pantalla pOLED QHD de 5,99 polgadas compatible con HDR10 (para poder apreciar a posibilidade de gravar vídeos con HDR que ten este dispositivo) e sensor de pegadas dixitais en pantalla, funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 845 (elemento bastante decepcionante, xa que estamos ante un procesador do ano pasado), conta cunha batería de 3.320 mAh con carga sen fíos, resistencia ao po e á auga, e funciona con Android 9. Nesta liña cómpre salientar que Nokia é un dos fabricantes que ofrece unha mellor experiencia con Android (garantindo versións moi limpas do sistema operativo e rápidas actualizacións). Este novo teléfono pode reservarse a un prezo de 599 euros na súa versión con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento, incluíndo unha substitución de pantalla de balde (servizo valorado en 99,99 euros), aínda que haberá que agardar até o 1 de abril para que se envíe o dispositivo aos seus compradores.

Vídeo promocional do Nokia 9 PureView

PUBLICIDADE