O Nokia Lumia 1020 comezará a venderse en España en outubro

mércores, 25 de setembro do 2013 Marcus Fernández

Se en algo destacaron os móbiles da familia Lumia de Nokia nos últimos meses é pola incorporación de cámaras de grande calidade na súa alta gama, e no caso do Lumia 1020 pretende converterse en toda unha revolución por empregar un sensor de 41 Mpíxeles con estabilización óptica como unha solución para reinventar o zoom, de xeito que o usuario pode tomar unha imaxe dunha resolución moito máis elevada do razoable para despois poder recortala quedando cunha fotografía cunha calidade moi boa (suplindo a carencia dun zoom óptico no móbil), e finalmente Nokia anuncia que este smartphone presentando a primeiros de xullo vai chegar ao mercado español.
Este magnífico móbil con Windows Phone 8 ten previsto a súa chegada a España como terminal libre o vindeiro 4 de outubro, en cor amarela, branca e negra, e a un prezo estimado de 699 euros, aínda que tamén haberá operadores de telefonía que distribuirán o móbil (de feito, Movistar contará en exclusiva cunha versión que contará cunha capacidade de almacenamento interna de 64 Gb en vez dos 32 Gb do modelo ordinario).
O Nokia Lumia 1020 funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon S4 de dobre núcleo a 1,5 GHz, ten unha pantalla de 4,5 polgadas cunha resolución de 1.280 x 768 píxeles, a súa batería é de 2.000 mAh (con carga sen fíos e capaz de ampliarse mediante unha carcasa externa deseñada para facilitar o uso do móbil como cámara fotográfica) e, dada a resolución coa que toma as fotografías, é o primeiro smartphone do mercado con Windows Phone e vir equipado con 2 Gb de RAM.

Un accesorio amplía a autonomía do móbil e facilita un agarre máis cómodo para a toma de fotografías

PUBLICIDADE