O Nokia N97 preséntase coma o móbil máis completo do mundo

martes, 2 de decembro do 2008 Marcus Fernández

Mentres o Nokia 5800 XpressMusic chega a España da man de Movistar, Nokia anuncia o seu novo móbil insignia, que inclúe as innovacións do terminal anterior (a 5ª edición do sistema operativo S60), pero nun equipo de alta gama.
O Nokia N97 combina unha pantalla táctil de 3,5 polgadas cunha resolución de 640 x 360 píxeles cun teclado QWERTY, compatible cos servizos Ovi e achegando a potencia da que carece o 5800 XpressMusic.
O novo terminal integra A-GPS e compás electrónico e pode conectarse á Rede por HSDPA ou Wi-Fi para relacionarnos coa web social (o que dende Nokia chaman So-Lo ou localización social), ver imaxes, vídeos e mesmo contidos en Flash. Tamén inclúe unha cámara Carl Zeiss de 5 Mpíxeles con capacidade de gravación de vídeo con calidade de DVD, e para a reprodución multimedia non só conta con conectividade Bluetooth e conector estándar de 3,5 milímetros para auriculares, senón que conta cunha capacidade de memoria interna de 32 Gb ampliable con tarxetas microSD de ata 16 Gb, converténdose no móbil con maior capacidade de almacenamento do mercado.
En autonomía tampouco queda curto (400 horas en espera e 320 minutos en conversa), sendo capaz de reproducir música continuamente durante un día e medio, aínda que o bo se paga, e o seu prezo de venda libre será de 550 euros + IVE, comezando a comercializarse no primeiro semestre de 2009.


Impresionante vídeo amosando a interface de uso do Nokia N97

PUBLICIDADE