O OnePlus 11 presentouse oficialmente na China
mércores, 4 de xaneiro do 2023
Tras
diversas filtracións, por fin temos presentado oficialmente o OnePlus 11, smartphone que xa está á venda na China, e
que pronto veremos por Europa para comprobar se realmente a marca consegue
facerse un oco entre os smartphones de alta gama de referencia grazas ás súas
extraordinarias especificacións.
O OnePlus 11 funciona co novo Qualcomm Snapdragon 8 Gen 2, procesador que
promete mellorar até un 35% ao da anterior xeración; tamén conta cunha
impresionante pantalla AMOLED con resolución Quad HD+, 6,67 polgadas de tamaño
e unha velocidade de refresco de 120 Hz, polo que deixa claro que non estamos
ante un xogador de ligas inferiores. A súa batería de 5.000 mAh con carga
rápida de 100 watts tamén é un punto moi forte deste smartphone que parece
querer gañarse ao púbico coas súas cáamras certificadas por Hasselblad. Concretamente
está equipado cun sensor principal Sony IMX980 de 50 Mpíxeles, un ultra grande
angular Sony IMX581 de 48 Mpíxeles e un obxectivo para retratos Sony IMX709 de
32 Mpíxeles (que buscan mellorar os efectos de profundidade nas imaxes),
mentres que a súa cámara frontal é de 16 Mpíxeles.
Este novo smartphone parte dunha configuración básica de 12 GB de RAM e 256 GB
de almacenamento a un prezo de 3.999 iuans (547 euros), mentres que o modelo
con 16 GB de RAM e 512 GB de almacenamento incrementaría o prezo até os 4.899
iuans (671 euros), prezos que parecen moi axustados para ser móbiles de alta
gama a nivel de especificacións.