O OnePlus 2 aspira a converterse no smartphone de referencia a un prezo asumible

martes, 28 de xullo do 2015 Marcus Fernández

Coa intención de converterse no Flagship Killer de 2016, ou sexa, o teléfono polo que opten os consumidores como alternativa aos smartphones de alta gama dos principais fabricantes, a pasada noite presentaron o OnePlus 2, unha evolución continuista do OnePlus One, que volve apostar polo mesmo formato, elevando as súas especificacións e mantendo un prezo altamente competitivo.
Estamos ante un smartphone 4G con pantalla Full HD de 5,5 polgadas, procesador Qualcomm Snapdragon 810 de 8 núcleos a 1,8 GHz con gráfica Adreno 430, 3/4 GB de RAM, 16/64 GB de almacenamento interno, cámara traseira de 13 Mpíxeles (con 6 lentes, flash LED dual, enfoque automático láser, gravación de vídeo en 4K e cámara lenta a 120 cadros por segundo e 720p), cámara frontal de 5 Mpíxeles, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.1, dobre micrófono (para a cancelación de ruído), sensor de pegadas dixitais, espazo para dúas tarxetas nano SIM, batería de 3.300 mAh que pode cargarse por un porto USB-C, un grosor de 9,85 milímetros e un peso de 175 gramos.
O OnePlus 2 non só tería unhas prestacións de alta gama, senón que tamén coidaría o seu deseño con unha parte frontal libre de logotipos, un marco de aliaxe de aluminio e magnesio e carcasas traseira intercambiable. A nivel de software opta por OxygenOS, unha versión de Android con funcións como control por xestos e botóns personalizados, que fuxe da sobrecarga de aplicacións como fan outros fabricantes.
Para facerse con este terminal volve a ser preciso contar cunha invitación, estando actualmente máis de 400.000 persoas na listaxe de reserva, polo que é de esperar que sexa difícil de conseguir nos primeiros meses tras o seu lanzamento o vindeiro 11 de agosto a un prezo de 339 euros para o modelo con 3 GB de RAM e 16 GB de almacenamento interno e de 399 euros con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento, o que sería aproximadamente a metade do que custaría un smartphone de semellantes prestacións cun fabricante de primeira liña.


Vídeo promocional do OnePlus 2

PUBLICIDADE