O OnePlus Nord estrea irmáns

luns, 26 de outubro do 2020 Marcus Fernández

O fabricante chinés OnePlus conseguiu recuperar posicións no mercado tras o lanzamento dun smartphone de gama media, o OnePlus Nord, e precisamente ese éxito é o que os leva a ampliar tal liña de dispositivos con dous novos terminais que apuntan a prezos máis axustados cos que buscan atopar novos ocos de mercado nos que a boa sona da marca pode resultar benvida.
O móbil que seguiría claramente a liña do anterior sería o OnePlus Nord N10 5G, que ten un prezo de 349 euros, polo que está moi próximo ao seu irmán maior, sendo a súa principal diferenza a súa pantalla, que desta volta opta por tecnoloxía IPS en vez de AMOLED, o que levou tamén a que o lector de impresións dixitais pasase de estar integrado en pantalla a ocupar a súa parte traseira. Este cambio tamén vai acompañado por unha disposición diferente das súas cámaras e a incluír un procesador lixeiramente inferior (un Qualcomm Snapdragon 690 5G).
Este smartphone con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de até 512 GB), ten unha pantalla Full HD+ de 6,49 polgadas cunha velocidade de refresco de 90 Hz, está preparado para a 5G, a súa batería de 4.300 mAh inclúe carga rápida a 30 watts, conta con NFC, Wi-Fi AC e Bluetooth 5.1, e como detalle máis curioso temos que incorpora altofalantes estéreo, elemento no que supera ao OnePlus Nord orixinal (que ten un único altofalante).
No que se refire ás cámaras, o OnePlus Nord N10 5G só inclúe unha cámara frontal de 16 Mpíxeles nunha perforación en pantalla, mentres que na súa traseira ten unha cámara cuádrupla cun sensor principal de 64 Mpíxeels, un ultra grande angular de 8 Mpíxeles, unha lente macro de 2 Mpíxeles e unha lente monocromática de 2 Mpíxeles. Grava vídeo 4K a 30 imaxes por segundo e ten modo de cámara superlenta en 720p a 240 imaxes por segundo.

OnePlus Nord N100

En contraste, o OnePlus Nord N100 é un móbil moito máis discreto, como ben indica o seu prezo de 199 euros. Temos aquí un móbil con pantalla de 6,52 polgadas, procesador Qualcomm Snapdragon 460, 4 GB de RAM, 64 GB de almacenamento interno, altofalantes duais, cámara traseira tripla cun sensor principal de 13 Mpíxeles e batería de 5.000 mAh con carga de 18 watts. Sobra dicir que carece de 5G e a súa configuración de hardware sorprende por ser tan modesta, estando moi preto de ser un terminal de gama baixa, polo que será interesante ver se este móbil é capaz de achegar a experiencia de usuario da que habitualmente presumen os dispositivos de OnePlus.

PUBLICIDADE