O Oppo Watch 2 promete 16 días de autonomía

mércores, 28 de xullo do 2021 Marcus Fernández

O vindeiro día 6 de agosto chegará ao mercado chinés o reloxo Oppo Watch 2, que xa pode reservarse en modelos Bluetooth de 42 milímetros a un prezo de 1.300 iuans (169 euros) e de 1.500 iuans (196 euros) con eSIM, mentres que a versión de 46 milímetros con eSIM véndese por 2.000 iuans (261 euros), ou sexa, que non estamos ante unha simple pulseira de actividade, senón ante un completo reloxo conectado que funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon Wear 4100 e que sorprende prometendo unha autonomía de até 16 días.
Este dispositivo, cun innegable parecido ao Apple Watch, ten unha pantalla AMOLED curva con 326 puntos por polgada (de xeito que a versión grande tería unha diagonal de 1,91 polgadas cunha resolución de 402 x 430 píxeles), fai un seguimento do ritmo cardíaco durante as 24 horas e tamén monitoriza o osíxeno en sangue, o sono, o estrés... podendo tamén realizar o seguimento de actividade en máis dun cento de deportes, sendo incluso apto para o seu uso na piscina grazas á súa resistencia á auga até en 5 atmosferas. Para un mellor seguimento tamén inclúe GPS.
Un dispositivo bastante interesante do que queda saber se o teremos pronto en Europa e se o prezo será tan competitivo como o que ofrece no mercado chinés.

PUBLICIDADE