O Oukitel K10000 terá unha batería de 10.000 mAh

luns, 14 de decembro do 2015 Marcus Fernández

Nos últimos anos non son poucos os usuarios cargan habitualmente cunha batería externa para poder incrementar a autonomía do seu smartphone para poder aguantar o día enteiro, pero hai fabricantes que son moi conscientes da demanda de maiores baterías, e o fabricante chinés Oukitel leva dende o verán traballando nun novo terminal con batería de 10.000 mAh que por fin pode encargarse, de xeito que incluso poderiamos gozar dun smartphone con Android que aguantase varios días sen cargar.
Na tenda en liña Gearbest permiten xa encargar a un prezo duns 225 euros o Oukitel K10000, smartphone do que agardan ter existencias o 2 de xaneiro. Estamos ante un teléfono 4G con Android 5.1 e pantalla IPS de 5,5 polgadas que ten unha resolución moi discreta (1.280 x 720 píxeles), dando a impresión de que o dispositivo busca en todo momento consumir pouco, o que, en combinación coa súa batería de alta capacidade, permitiría unha autonomiía que segundo a publicidade do fabricante sería de 10-15 días de uso normal (estimación moi esaxerada, pero non sería sorprendente que puidese aguantar 5 días sen problemas).
O Oukitel K10000 conta cun procesador MTK6735 de 64 bits e catro núcleos a 1,5 GHz, gráfica Mali T720, 2 GB de RAM, 16 GB de almacenamento interno, cámara traseira de 8 Mpíxeles (13 Mpíxeles interpolados) con flash LED de dobre ton, cámara frontal de 2 Mpíxeles (5 Mpíxeles interporlados), Bluetooth 4.0, dobre SIM, Wi-Fi N, soporte da banda 800 en 4G, un grosor de 9 milímetros e un peso de só 184 gramos.
A súa batería podería cargarse en só 3,5 horas mediante un sistema de carga rápida, e dado que a súa capacidade é tan elevada, tamén conta coa función de carga inversa, ou sexa, que pode empregarse como batería externa doutros dispositivos.

O terminal ten un grosor e un peso moi contidos se temos en conta a capacidade da súa batería

PUBLICIDADE