O PSP Phone podería anunciarse en febreiro en Barcelona

venres, 24 de decembro do 2010 Marcus Fernández

En marzo chegará a Europa a Nintendo 3DS, no que será o inicio dunha nova xeración de consolas de videoxogos portátiles, o que forza a Sony a tomar posicións para buscarlle un relevo á súa PSP, o que posiblemente teña lugar no mes de abril, se atendemos a declaracións de Bert Nordberg, director xeral de Sony Ericsson, quen asegurou que durante o Mobile World Congress de Barcelona, que terá lugar en febreiro, anunciarán parte da súa estratexia de xogos móbil, concretamente o que sería o seu PSP Phone (o nome do produto aínda non se anunciou, e que finalmente podería ser Xperia Play).
Os rumores apuntan a que estariamos ante un móbil con Android, cun procesador a 1 GHz, 512 Mb de RAM, 1 Gb de ROM e unha pantalla de entre 3,7 e 4,1 polgadas, cun formato semellante ao da PSPGo. Tamén comentan que intentarían replicar a fórmula de éxito do iPhone, con xogos a un prezo duns 10 euros.
O responsable da división de xogos de Sony, Kaz Hirai, tamén deu pistas sobre unha posible PSP2, polo que é posible que Sony reparta os ovos en dúas cestas, potenciando o móbil coma plataforma de xogo e presentando tamén unha nova consola portátil, atendendo así ás demandas de distintos tipos de xogadores.

PUBLICIDADE