O Palm Pre 2 funcionará con webOS 2.0
martes, 19 de outubro do 2010
Tras a compra de
Palm por parte de HP parecía que esta compañía quedaría conxelada para
limitarse ao desenvolvemento do sistema operativo webOS para dispositivos coma
impresoras e tablets, polo que casa podería considerarse unha sorpresa que anuncien
o lanzamento do móbil Palm Pre 2, que esta mesma semana chega ao mercado
francés (sen dar datas para España), e que terá pantalla multi-táctil de 3,1
polgadas, teclado deslizante, cámara de 5 Mpíxeles con flash LED, 16 Gb de
almacenamento, GPS, un peso de 145 gramos e webOS 2.0, polo que estamos ante
unha interesante renovación dun terminal moi completo que tivo dificultades
para facerse un espazo nun sector cada vez máis polarizado entre os sistemas
operativos iOS e Android.
O webOS 2.0 demostra
que esta plataforma ten moito potencial, e nesta entrega presenta
características como a multitarefa (agrupando programas semellantes en Stacks, para facer intuitivo e sinxelo o
manexo desta funcionalidade), a escritura Just Type (podemos comezar a escribir
un texto antes de decidir se o remitiremos coma SMS, correo electrónico ou
actualización de Facebook), HP Synergy (que integra a nosa identificación con
servizos coma Facebook e Google no sistema operativo), soporte de Flash Player
10.1 Beta, soporte para teclados Bluetooth e numerosas aplicacións coma Skype
Mobile, QuickOffice ou o xogo Angry Birds.