O Palm Pre plántalle cara ao iPhone

venres, 9 de xaneiro do 2009 Marcus Fernández

A popularización dos teléfonos intelixentes supuxo un duro golpe para os fabricantes de PDA, e a empresa que quedou na sombra do que era foi Palm, que busca rexurdir grazas a un novo terminal que busca pórse á altura do iPhone de Apple e incluso se permite incorporar algunha innovación, polo que está a converterse nunha das estrelas do CES de Las Vegas.
O Palm Pre funciona coma móbil 3G (EV-DO ou HSDPA segundo o mercado no que se venda) con conectividade Wi-Fi, Bluetooth 2.1/A2DP e USB, que conta cunha pantalla multitáctil de 3,1 polgadas e unha resolución de 480 x 320 píxeles (con sensor de proximidade e de iluminación), cunha área xestual situada debaixo da mesma e un teclado QWERTY deslizante, combinando varias interfaces para ser válido para múltiples usos.
O terminal tamén conta cunha cámara de 3 Mpíxeles con flash LED, 8 Gb de memoria interna, conector de 3,5 mm para auriculares, GPS integrado, funcións de mensaxería SMS, MMS, instantánea e e-mail, así como navegador web avanzado (que polo momento non soporta Flash). Mide 59,5 x 100,5 x 16,95 milímetros (pechado) e pesa 135 gramos.
Ata aquí estariamos a falar dun terminal moi completo, pero que non achegaría nada novo, polo que para marcar a diferenza dende Palm comezan co sistema operativo pre-instalado no seu dispositivo, que é webOS, que presenta unha interface pensada para un control táctil, xestionando varias aplicacións á vez (que se poden mover cos dedos) e que, entre outras funcións, permite sincronizarnos con redes sociais, calendarios e servizos de correo electrónico (polo momento é compatible con Google, Outlook e Facebook). As alertas recibidas polos distintos servizos web chegarán en segundo plano (para non resultar molestas) e o desenvolvemento de aplicacións para este contorno tamén será doado, pois se apoia principalmente en HTML, CSS e XML.
Como grande sorpresa este novo móbil incorporará un sistema de carga da súa batería sen cables, ou sexa, que chega con situar o terminal sobre o cargador para que a batería se encha. Amais, a batería tamén é extraíble.
Faltan por coñecerse os detalles da comercializacións deste interesante dispositivo, pois nin a súa data de lanzamento nin o seu prezo se coñecen polo momento.


Vídeo no que podemos botar unha ollada á interface de uso do Palm Pre