O Pixel 4 estréase en Reino Unido cunha inesperada edición limitada

martes, 22 de outubro do 2019 Marcus Fernández

JPEG - 214.3 KB
Que o Pixel 4 chegue a 2.000 compradores nunha caixa de cereais para o almorzo é un detalle que está a facer que o novo móbil de Google gañe algo de visibilidade na Rede

Dende onte están oficialmente á venda en España os smartphones Pixel 4 e Pixel 4 XL, móbiles insignia de Google, que este ano quixeron destacar incorporando unha cámara traseira con dous obxectivos, unha pantalla cunha velocidade de refresco de 90 Hz e un sensor radar para facilitar o uso de xestos. Pola contra tamén eliminou o lector de pegadas dixitais e deixou de incluír auriculares pese ao seu elevado prezo (custa entre 759 e 999 euros).
Pero polo que está a resultar rechamante o Pixel 4 en Reino Unido é porque nese territorio Google decidiu premiar aos usuarios que mercaron anticipadamente o terminal a través da súa tenda en liña cunha versión moi curiosa do dispositivo, que vén dentro dunha caixa que simula a duns cereais para o almorzo, e que incluso inclúe unha pequena bolsa con cereais de Google. Dende Google aseguran que esta edición do Pixel 4 está limitada a 2.000 unidades, o que pode considerarse como unha excelente campaña para que o produto gañe visibilidade en redes sociais, algo que parece bastante necesario ante o reducido interese que xerou o smartphone na súa presentación por non amosar novidades que os usuarios puidesen considerar revolucionarias (o control por xestos xa o incorporaron outros móbiles no pasado, e a prestación non contou co favor nin dos usuarios nin dos desenvolvedores).

JPEG - 140.2 KB
Que a caixa do Pixel 4 inclúa unha bolsa de cereais para o almorzo sorprendeu a centos de usuarios británicos

Vídeo no que presentan a edición especial do Pixel 4 que inclúe cereais para o almorzo

PUBLICIDADE