O Pixel 5a preséntase oficialmente

martes, 17 de agosto do 2021 Marcus Fernández

O vindeiro día 26 chegará aos mercados estadounidense e xaponés o novo Pixel 5a con 5G, un smartphone de Google que busca chegar a un maior número de consumidores grazas a un prezo relativamente axustado (449 dólares) o que non lle impide contar coa grande tecnoloxía de cámara de Google, xunto cun par de melloras con respecto á xeración anterior, como son a resistencia IP67 e unha batería de moi superior (pasa de 3.140 mAh a 4.680 mAh).
O Pixel 5a con 5G funcionará cun procesador Qualcomm Snapdragon 765G, 6 GB de RAM, 128 GB de almacenamento interno, pantalla OLED Full HD+ de 6,34 polgadas, altofalantes estéreo, toma para auriculares, módulo de seguridade Titan M e unha cámara traseira dual cun sensor principal de 12 Mpíxeles e un sensor ultra grande angular de 16 Mpíxeles.
No apartado fotográfico presume de fotografías nocturnas de calidade, así como de astrofotografía, mentres que co vídeo promete grande estabilidade.
Este novo móbil chega con conectividade 5G e, aínda que polo momento a súa dispoñibilidade será bastante limitada, nuns meses é probable que poida adquirirse en España, aínda que desta volta muda lixeiramente de público obxectivo, xa que a súa pantalla medra en tamaño, polo que deixaría de ser un dos grandes referentes para os que queren un móbil con boa cámara nun tamaño compacto, mantendo como público potencial aos que simplemente queren gozar dunha cámara móbil co software de Google sen realizar un elevado investimento.

PUBLICIDADE