O Poco M2 Pro preséntase como un teléfono económico con boa autonomía

martes, 7 de xullo do 2020 Marcus Fernández

Xiaomi recuperou a marca Poco co seu Poco F2 Pro, un smartphone 5G de alta gama que actualmente véndese por 499 euros, e para o que en breve teremos alternativa económica, o Poco M2 Pro, que o vindeiro día 14 sae á venda na India a un prezo de 13.999 rupias para o modelo con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento interno, 14.999 rupias con 6 GB de RAM e 16.999 rupias con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento (166, 178 e 201 euros respectivamente).
Para conseguir este prezo tan agresivo equiparon a este smartphone cun procesador máis modesto (sen soporte de 5G), o Qualcomm Snapdragon 720G, e como un dos grandes reclamos para este teléfono conta cunha batería de 5.000 mAh con carga rápida de 33 watts, detalle normalmente reservado para móbiles de alta gama.
Este terminal está equipado cunha cámara traseira cuádrupla de 48 Mpíxeles (apoiando o sensor principal cun grande angular de 8 Mpíxeles, un macro de 5 Mpíxeles e un sensor de profundidade de 2 Mpíxeles), cámara frontal nunha perforación en pantalla de 16 Mpíxeles, lector de impresións dixitais nun lateral, pantalla Full HD+ de 6,67 polgadas cunha relación de aspecto de 20:9 e unha velocidade de refresco de 120 Hz, resistencia a salpicaduras, Wi-Fi AC, Bluetooth 5.0, toma de auriculares e sistema de desbloqueo facial.
Temos así un produto que, sen poder competir cos móbiles de alta gama do mercado, encaixa bastante ben no concepto de smartphone competente e a bo prezo que moitos asocian á marca Poco.

O Poco M2 Pro véndese a partir do 14 de xullo en varias cores

PUBLICIDADE