O PonoPlayer consegue financiarse en Kickstarter en poucas horas

mércores, 12 de marzo do 2014 Marcus Fernández

O reprodutor multimedia promovido por Neil Young, o PonoPlayer, chegou finalmente a Kickstarter, onde pode encargarse o dispositivo por 300 dólares (227,42 euros con portes incluídos) na súa versión estándar ou a 400 dólares (299,62 euros) para unha das edicións con sinaturas de artistas como Lenny Kravitz, Norah Jones, Herbie Hancock, Tom Petty, Patti Smith, Willie Nelson ou Neil Young, entre outros (limitadas a 500 unidades por versión) e, sorprendentemente, en poucas horas conseguiu superar os 800.000 dólares que tiñan marcados como obxectivos, o que considérase como un grande éxito de marketing, posto que a proposta tecnolóxica detrás desta plataforma musical é un tanto absurda.
Con PonoMusic non só temos un reprodutor musical portátil (cunha calidade aínda por demostrar), senón que chega unha plataforma de música descargable con gravacións de ultra-alta resolución, que ocuparían unhas 6,5 veces máis que un CD sen comprimir, o que sería un desperdicio absoluto de espazo, xa que os discos compactos musicais rexistran a música cunha calidade superior á que pode recoñecer o oído humano (se falamos de son estéreo).
Mentres os CD almacenan o son cunha frecuencia de mostra de 44,1 kHz a 16 bits, o formato de PonoMusic garda o son a 192 kHz a 24 bits, sendo tal frecuencia totalmente esaxerada, servindo como reclamo para un público desinformado, xa que ningún humano podería distinguir entre tal gravación e a dun CD se atendemos ao teorema de Nyquist.
Poderiamos considerar que coa tecnoloxía de PonoMusic estamos ante un caso de engano no que confúndese ao consumidor con expresións como alta resolución, que leva a establecer analoxías coa definición das imaxes, cando no ocaso de reconstrucións de ondas sonoras non existe tal paralelismo. De feito, iso foi un dos motivos para que as tecnoloxías Super Audio CD (SACD) e DVD-Audio fosen un fracaso absoluto, por terse demostrado empiricamente que os formatos de son estéreo de alta definición son un mito que só busca colocar novas tecnoloxías nos fogares con interese comercial, sen existir unha mellora real.

A edición asinada do PonoPlayer véndese por 400 dólares a través de Kickstarter

PUBLICIDADE