O PuzzlePhone busca financiamento en Indiegogo

mércores, 4 de novembro do 2015 Marcus Fernández

As promesas de smartphones modulares, nas que o usuario poida configurar elementos e actualizalos de xeito independente, non parecen concretarse, e aínda que Google estea a progresar nesta dirección, iso non impide a emerxencia de alternativas, coma o PuzzlePhone, un produto que chega dende Finlandia e que busca financiamento a través de Indiegogo.
Para que este produto sexa realidade buscan xuntar 250.000 dólares, para o que aceptan achegas de mecenas que darán dereito a distintas recompensas que neste momento parten dun PuzzlePhone de 16 GB de almacenamento interno por 299 euros, un PuzzlePhone de 32 GB por 399 euros ou un PuzzlePhone de 64 GB por 499 euros, o que son uns prezos bastante elevados para un produto que non vería a luz até outubro de 2016 e do que non teriamos as mesmas garantías que cando Google entre neste segmento de produto.
O concepto do PuzzlePhone consiste en dividir o smartphone en 3 partes que serían o cerebro (CPU, GPU, RAM, almacenamento e cámara), a columna vertebral (principalmente a estrutura que integra a pantalla) e o corazón (a batería e algúns elementos adicionais que se irían engadindo en función das demandas dos usuarios).
As especificacións técnicas de partida consistirían nun smartphone con Android 6.0 (ou superior) cunha pantalla Full HD de 5 polgadas, procesador ARM de 64 bits e 8 núcleos, 3 GB de RAM, 16/32/64 GB de almacenamento interno, cámaras de 12 e 5 Mpíxeles, conectividade 4G (podendo chegar até a Categoría 6 en función dos mercados), USB 3.0/2.0 tipo C, NFC, Bluetooth 4.2, Wi-Fi AC, un grosor de 8,9 milímetros e un peso de 170 gramos, ou sexa unhas especificacións que casarían coas de moitos smartphones de gama media-alta actuais, o que podería resultar insuficiente para un dispositivo deste rango de prezo que tardaría preto dun ano en ver a luz (momento no que é de agardar que poidan adquirirse terminais semellantes por prezos moi inferiores).

Vídeo promocional da campaña de financiamento do PuzzlePhone

PUBLICIDADE