O ROG Phone 5 Ultimate chega ao mercado con 18 GB de RAM
xoves, 11 de marzo do 2021
A liña de videoxogos de Asus ten dende hai tempo toda unha
liña de smartphones que se caracterizan pola súa elevada potencia e por estar
optimizados para un uso intensivo, e esta semana están a estrear os ROG Phone
5, que parten dun modelo básico con 8 GB de RAM cun prezo inicial de 799 euros,
até un impresionante ROG Phone 5 Ultimate, que está equipado con 18 GB de memoria
LPDDR5 e 512 de almacenamento interno UFS3.1, configuración inédita até o
momento, de aí que poida entenderse que custe a partir de 1.299,99 euros.
O ROG
Phone 5 Ultimate non só é o primeiro smartphone en incorporar 18 GB de RAM,
senón que tamén conta cun potente procesador Qualcomm Snapdragon 888 con 5G, unha
pantalla AMOLED de 6,78 polgadas (fabricada por Samsung) cunha velocidade de
refresco de 144 Hz e unha velocidade de resposta de só 1 milisegundo, unha
xenerosa batería de 6.000 mAh, controis AirTrigger 5 e un sistema de audio
GameFX, combinación coa que perseguen conseguir a mellor experiencia de xogo
móbil posible.
A nivel sonoro pode sorprender que o móbil estea equipado con altofalantes
estéreo frontais, toma de auriculares de 3,5 milímetros con codec de alta gama
e incluso un DAC ESS de alta fidelidade para os usuarios máis esixentes que
queren gozar de son sen perdas.
Para as sesións de xogo máis esixentes é posible empregar un ventilador externo
Active Cooler 5, que arrefría directamente os puntos quentes da cuberta
traseira do ROG Phone 5 e chega a reducir a temperatura da superficie do móbil
na zona onde ten a súa CPU até en 15 graos centígrados. De feito, conscientes
dos problemas que pode ocasionar o quecemento do dispositivo, está deseñado
para que os puntos quentes do móbil estean afastados da zona de agarre, e incluso
pode sorprender que a súa batería estea dividida en dúas partes e sexa capaz de
cargarse a 65 watts.
Aínda que estes móbiles non se centran tanto nas súas cámaras como os teléfonos
ordinarios, o ROG Phone 5 Ultimate quen unha grande cámara principal de 64
Mpíxeles cun sensor Sony IMX686, unha cámara grande angular de 13 Mpíxeles e unha
cámara macro, mentres que na súa frontal ten unha cámara de 24 Mpíxeles pensada
para selfies e para transmitir vídeos en directo. Pode sorprender o
feito de que sexa capaz de gravar vídeo en 8K a 30 imaxes por segundo coa
cámara traseira principal, e tamén soporta vídeo a cámara lenta en 4K a 120 imaxes
por segundo, Full HD a 240 imaxes por segundo e 720p a 480 imaxes por segundo.