O Real Madrid é o equipo líder do mundo en popularidade na Rede

martes, 19 de xullo do 2011 Raquel Noya

Hoxe en día, grazas ás redes sociais, podemos coñecer a popularidade dunha persoa en termos cuantitativos (que non cualitativos) tan só botando unha ollada aos seus perfís en Facebook, Twitter ou mesmo Tuenti e contabilizando o número de fans ou seguidores que ten.
Porén o duro labor de rastrexar as redes sociais para dar conta dos fans que ten cada artista ou personaxe público e saber así quen é máis popular na Rede, poderíanos levar semanas de non ser pola web FameCount.com, un servizo de estatística online que recolle datos de Facebook, Twitter e YouTube para elaborar unha listaxe cos Tops do momento.
Pois ben, debullando toda a información que achega esta web, podemos saber, por exemplo, que o Real Madrid é o equipo líder das redes sociais en termos de popularidade, con nada menos que 17 millóns e pico de seguidores en Facebook, dous millóns en Twitter e 37 millóns e medio de reproducións na súa canle en YouTube.
Tamén podemos saber que, como curiosidade, a entidade ou personaxe español máis popular en Facebook non é Zara, nin o FC Barcelona, nin Rafa Nadal, nin sequera Zapatero..., é Enrique Iglesias, que con máis de 20 millóns de seguidores en Facebook, supera con moita solvencia ó internacional David Bisbal, con 635.000 fans.
Este último si pode presumir de pasar do millón de seguidores en Twitter, con máis de 1.627.000, moitos deles froito (seguramente) das súas metidas de zoca co tema das rebelións en Exipto, que tantas dores de cabeza lle deron.
En Twitter o máis popular en España é Kaká, con preto de 5 millóns de seareiros, seguido de Alejandro Sanz (con igual sorte que Bisbal no tema dos comentario inoportunos) e o devandito club de fútbol, Real Madrid.
Xa en YouTube, o microsite máis popular é o de Antena3, con preto de 300 millóns de vídeos reproducidos, seguido de preto polas produtoras musicais Vale Music e Blanco y negro.
Por categorías, o político máis popular nas tres redes sociais analizadas por FameCount é Barack Obama; o xogo, o Texas Hold´em Poker; o atleta, o devandito Cristiano Ronaldo; o actor, Ashton Kutcher; o film, Harry Potter; na categoría de educación, a Universidade de Harvard; por marcas, Coca Cola; en TV, a serie Family Guy; o equipo, o Real Madrid; e na categoría de música, a verdadeira All Star, a máis seguida nas redes sociais en todo o mundo e a que gaña en popularidade a medida que pasan os días e se fai máis peculiar á hora de vestir é Lady Gaga, seguida do polémico Justin Bieber e Rihanna.

PUBLICIDADE