O Realme 10 vístese de lata de Coca-Cola

venres, 10 de febreiro do 2023 Marcus Fernández

Nos últimos meses Realme lanzou modelos con deseños de series de animación xaponesa como Dragon Ball Z e Naruto, e parece que lle teñen collido o gusto a este tipo de personalizacións, pois veñen de anunciar na India unha versión do Realme 10 Pro 5G inspirado na marca Coca-Cola, de xeito que a traseira do móbil presenta o logotipo da marca, e contan tamén con fondos de pantalla, sons e iconas personalizadas coa marca de refrescos para levar esta edición especial máis aló do que podería conseguirse directamente cunha funda.
O Realme 10 Pro 5G Coca-Cola Edition poderá adquirirse o vindeiro día 14 a un prezo de 20.999 rupias (238 euros), o que parece un prezo bastante axustado para un smartphone cun procesador Qualcomm Snapdragon 695, 8 GB de RAM, 128 GB de almacenamento (ampliable mediante tarxetas microSD), pantalla Full HD+ de 6,72 polgadas cun refresco de 120 Hz, cámara traseira dual cun sensor principal de 108 Mpíxeles, cámara frontal de 16 Mpíxeles, altofalantes estéreo, toma para auriculares e batería de 5.000 mAh con carga rápida de 33 watts que permítelle completar a metade da carga en 29 minutos.
Resulta curioso que Realme entenda que hai consumidores que vaia pagar por un teléfono que parece un agasallo promocional, aínda que cómpre advertir de que polo momento non está previsto que o teléfono de Coca-Cola vaia venderse en España.

Vídeo promocional do novo móbil de Realme