O Realme 3 Pro chegará a España o 5 de xuño a un prezo de só 199 euros
mércores, 22 de maio do 2019
O ano
pasado unha das xogadas máis interesantes no mercado da telefonía móbil foi
cando Xiaomi
estreou a marca Pocophone, lanzando un móbil de grandes prestacións a un
prezo moi axustado (o seu modelo básico chegou a España a 299 euros) e agora é Oppo o fabricante
que quere facer algo semellante coa súa marca Realme, desembarcando en España o
vindeiro 5 de xuño co atractivo Realme
3 Pro.
O Realme 3 Pro é un smartphone cun acabado bastante atractivo, que funciona cun
procesador Qualcomm Snapdragon 710 (con 8 núcleos e un bo desempeño en xogos),
promete unha magnífica autonomía coa súa batería de 4.045 mAh con carga rápida (capaz
de completar a metade da carga en só 30 minutos), está equipado cunha cámara
traseira dobre de 16 e 5 Mpíxeles con sensor Sony IMX519 e cunha cámara frontal
de 25 Mpíxeles agochada nunha pestana en forma de V na parte superior central da
súa pantalla Full HD+ de 6,3 polgadas e conta tamén con Bluetooth 5, Wi-Fi AC, lector traseiro de pegadas dixitais, dobre SIM e lector de tarxetas de memoria microSD.
Este novo móbil presume tanto da súa potencia como das súas cámaras, que grazas
á intelixencia artificial conseguen boas instantáneas, sendo capaces de
conseguir impresionantes fotografías nocturnas, retratos con desenfoque de
fondo e gravación de vídeo 4K a 30 imaxes por segundo e incluso super cámara
lenta a 960 imaxes por segundo (720p).
Temos así un smartphone que semella ser dabondo para moitos usuarios, incluso
bastante esixentes, carecendo unicamente de detalles como resistencia á auga,
carga sen fíos ou NFC, pero loxicamente eses detalles non permitirían que puidésemos
mercar a súa versión con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento por 199 euros e a
versión con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento por 249 euros, prezos que sen
dúbida van pór as cousas complicadas a marcas como Pocophone, que en breve
debería lanzar a súa segunda xeracións de smartphones.
Vídeo promocional do Realme 3 Pro