O Realme 7 5G sae á venda a un prezo de 229 euros

xoves, 19 de novembro do 2020 Marcus Fernández

Dende hai meses vemos como no mercado chinés saen á venda smartphones con 5G e prezos de saída por debaixo dos 300 euros, e esa tendencia chega agora a España co lanzamento do Realme 7 5G, teléfono que aínda que aseguren que ten un prezo de 279, até o remate do mes venderase a 229 euros en Amazon.es, converténdose claramente no smartphone 5G máis económico do mercado español. Cómpre salientar que móbiles como o Realme X50 5G e o Samsung Galaxy A51 5G poden adquirirse actualmente por 279 e 289 euros respectivamente, o que leva a entender que o novo terminal de Realme manterá un prezo axustado, converténdose nunha magnífica opción para quen queira dar o salto á 5G ou, simplemente, adquirir un móbil coa previsión de que vaia aproveitar a banda larga móbil que moitos operadores normalizarán ao longo do ano que vén.
Aínda que sexa un smartphone relativamente económico, o Realme 7 5G é un dispositivo bastante completo, cun procesador MediaTek 800U, 6 GB de RAM LPDDR4x, 128 GB de almacenamento UFS 2.1, pantalla Full HD+ de 6,5 polgadas cunha velocidade de refresco de 120 Hz, unha cámara traseira cuádrupla cun sensor principal de 48 Mpíxeles, unha cámara frontal de 16 Mpíxeles integrada nun orificio en pantalla, lector de impresións dixitais lateral e unha xenerosa batería de 5.000 mAh con carga rápida de 30 watts capaz de completar unha carga en 65 minutos e de manter unha autonomía de até 35 horas de chamada ou de 15 horas consumindo contidos de TikTok. Tamén conta cun modo de aforro de enerxía que con só o 5% de batería aguanta en espera até 28 horas.

PUBLICIDADE