O Samsung ATIV S comeza mañá a súa comercialización europea
xoves, 13 de decembro do 2012
Resulta curioso que o primeiro móbil con Windows Phone 8 que
se amosou en público, o Samsung
ATIV S, vaia ser o derradeiro en chegar ao mercado, non sendo Samsung capaz
de adiantarse a HTC e Nokia, pero finalmente os rumores que apuntaban a que o
novo móbil da marca surcoreana poderían non chegar ao mercado ata febreiro
demostraron non estar ben fundados, e o operador británico Clove xa
permite a súa reserva, á vez que a grande tenda en liña europea Expansys xa acepta
pedidos polo mesmo a un prezo de 559,99 euros, agardándose a súa dispoñiblidade
para mañá mesmo.
Deste xeito, o Samsung ATIV S chegaría a tempo para o Nadal, aínda que polo
momento non sabemos de ningún operador español que vaia distribuír este
smartphone de xeito subvencionado ou financiado.
Lembremos que o Samsung ATIV S é un dos móbil con Windows Phone 8 máis
completos, que pese a carecer de prestacións innovadoras como o estabilizador
óptico de imaxe ou a carga de batería sen fíos (características presentes no
Nokia Lumia 920) preséntase como o terminal de alta gama máis equilibrado que
destaca polos seus reducidos grosor (8,7 milímetros) e peso (135 gramos),
detalles moi axustados para un móbil cun procesador de dobre núcleo a 1,5 GHz,
1 Gb de RAM, 16/32 Gb de almacenamento, pantalla Super AMOLED de 4,8 polgadas, lector
de tarxetas microSDXC, conectividade móbil de ata 42 Mbps de descarga de datos,
NFC, cámaras de 8 e 1,9 Mpíxeles, Bluetooth 3.0, Wi-Fi N (e Wi-Fi Direct), NFC
e unha xenerosa batería de 2.300 mAh. Un magnífico terminal ao que os
interesados no novo sistema operativo móbil de Microsoft deberían botar un
ollo.