O Samsung GALAXY ATIV Q permite correr aplicacións de Android baixo Windows 8
xoves, 20 de xuño do 2013
O evento Samsung PREMIERE 2013, organizado para amosar novos
produtos das familias GALAXY e ATIV, sorprendeu en boa medida por ser capaz de
casar ambos mundos (Android e Windows) nun dos seus produtos, xa que o tablet ATIV Q
sorprendeu por ter un modo de funcionamento dual, de xeito que é capaz de
correr Windows 8 e Android 4.2.2 ao mesmo tempo, de xeito que supera así o
atranco que supón a escaseza de aplicacións pensadas para equipos táctiles
baseados en Windows. A solución adoptada incluso permite abrir as aplicacións
de Android dende Windows e transferir ficheiros ou compartir cartafoles de
Windows 8 a Android, converténdose nunha extraordinaria fusión entre o mundo
móbil e o PC.
Este tablet chega cunha pantalla de 13,3 polgadas cunha impresionante resolución
de 3.200 x 1.800 píxeles, inclúe un S Pen para poder empregar a súa pantalla
táctil con precisión cando sexa preciso e incluso pode transformarse para
facilitar o acceso a un teclado completo que integra, converténdoo nun
ordenador portátil, todo insto nun grosor de 13,9 milímetros e un peso de 1,29
quilogramos, polo que podemos velo como unha mestura bastante atinada entre
Ultrabook e tablet. No interior do equipo temos un potente procesador Intel
Core i5, unha gráfica Intel HD 4400, 4 Gb de RAM e 128 Gb de SSD, así como unha
batería que dótao dunha autonomía de ata 9 horas.
Pero este produto de alta gama non vai estar ao alcance de todos os petos, e
así Samsung presentou tamén o ATIV Tab 3,
que confórmase en presentar como unha opción que busca simplemente un
escritorio informático moi transportable, un tablet coa potencia dun PC. Temos
así un equipo cun procesador Intel Atom Z2760, 2 Gb de RAM, 64 Gb de
almacenamento interno, pantalla de 10,1 polgadas cunha resolución de 1.366 x
768 píxeles compatible con S Pen (incluído) e sistema operativo Windows 8 coa
edición doméstica do Microsoft Office incluída, que carece de teclado
integrado, pero que compensa as súas limitacións pesando só 550 gramos, tendo
un grosor de só 8,2 milímetros e gozando dunha autonomía de ata 10 horas.