O Samsung GALAXY Note 3 estrea versión económica

martes, 18 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

Nun momento no que os tabletófonos teñen unha alta demanda no mercado, e para chegar a un maior público, Samsung non só lanza alternativas aos seus populares GALAXY Note como os GALAXY Mega (que carecen de S-Pen), senón que tamén decidiu comercializar versións reducidas dos seus smartphone insignia desta gama, e así hoxe sae á venda na India o Samsung GALAXY Note 3 Neo a un prezo de 40.900 rupias (uns 479 euros) cando o prezo do terminal sen o apelido Neo véndese por 49.900 rupias (uns 585 euros) facilitando así chegar a un público maior sen prescindir do seu característico stylus.
O GALAXY Note 3 Neo ten unha pantalla AMOLED de 5,5 polgadas de alta definición, 6 núcleos de procesamento (obtidos mediante un procesador de catro núcleos a 1,3 GHz e outro de dobre núcleo a 1,7 GHz), 2 Gb de RAM, 16 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante microSD), 3G, Wi-Fi, Bluetooth 4.0, NFC, cámaras de 8 e 2 Mpíxeles e batería de 3.100 mAh, que incluso ten a súa carcasa traseira de pel sintética e venderase en negro, verde e branco. É de esperar que pronto chegue a Europa, onde podería ter cambios no seu procesador, á vez que integraría conectividade 4G.

PUBLICIDADE