O Samsung GALAXY S4 zoom anúnciase como o primeiro smartphone cun zoom óptico de 10x

mércores, 12 de xuño do 2013 Marcus Fernández

Aínda que as cámaras dos smartphones son cada vez mellores, con grandes resolucións e boa resposta en condicións con pouca luz, unha das súas grandes eivas para a toma de fotografías continúa a ser a súa falta de zoom óptico, elemento que os permitiría substituír totalmente ás cámaras dixitais compactas, e pensando precisamente nesta fusión de dispositivos Samsung anunciou hoxe o lanzamento do Samsung GALAXY S4 zoom, un novo móbil con Android 4.2 que busca destacar ao incorporar unha cámara cun sensor CMOS de 16 Mpíxeles, zoom óptico de 10x, estabilizador óptico de imaxe e flash de xenon.
Samsung tamén quixo aproveitar o feito de que, ao empregar a cámara do smartphone o seu obxectivo sobresaia con respecto ao resto da carcasa do móbil, convertendo ao anel de zoom nunha elemento da interface de control do móbil, que pode aproveitarse para, mediante o seu xiro, axilizar o acceso a algunhas funcións.
Pese a que estamos ante un smartphone moi competente, non podemos deixar que o S4 do seu nome nos engane, e estamos ante un móbil moi inferior a GALAXY S4, pois limítase a funcionar cun procesador de dobre núcleo a 1,5 GHz, 1,5 Gb de RAM e 8 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de ata 64 Gb).
Aínda que o dispositivo conta con batería de 2.330 mAh, Wi-Fi N, NFC, Bluetooth 4.0 e LTE, outras prestacións non son tan boas, e a súa pantalla de 4,3 polgadas ten unha resolución de só 960 x 540 píxeles, ten un grosor considerable (15,4 milímetros) e un peso excesivo (208 gramos), deixando claro que é un smartphone pensado para quen dá máis importancia ás fotografías que ao resto de funcionalidades.


Vídeo promocional do Samsung GALAXY S4 zoom

PUBLICIDADE