O Samsung Galaxy A9 terá cámara traseira cuádrupla

xoves, 11 de outubro do 2018 Marcus Fernández

Na mesma semana na que chega a España o Samsung Galaxy A7, un smartphone de gama media con cámara traseira tripla, a compañía surcoreana presenta o seu Galaxy A9, un terminal pioneiro por incorporar a primeira cámara traseira cuádrupla, conseguindo así unha grande versatilidade á hora de captar en imaxe o que acontece ao noso redor.
O Samsung Galaxy A9 permite sacar fotografías dinámicas e estéticas con facilidade, de xeito que tanto pode tomar imaxes a distancia cun zoom óptico 2x, como aproveitar a súa lente grande angular para recoller todo o que temos diante, aproveitando tamén a intelixencia artificial para recoñecer as escenas e así procurar disparar a mellor fotografía posible en cada situación. Coa lente de profundidade tamén permite axustar a profundidade de campo de xeito manual e centrase no suxeito obtendo fotografías cun aspecto profesional.
Cómpre salientar que a cámara principal do smartphone é de 24 Mpíxeles cunha apertura f/1.7, ou sexa, que xa por si soa sería capaz de grandes instantáneas, pero apoiada por un zoom 2x de 10 Mpíxeles, grande angular (120 graos) de 8 Mpíxeles e un sensor de profundidade de 5 Mpíxeles consegue uns resultados inéditos nun dispositivo desta gama. A súa cámara frontal tampouco queda atrás, e ten un sensor de 24 Mpíxeles cunha apertura f/2.0.
Este novo smartphone, que chegará a España en novembro, ten unha pantalla Super AMOLED de 6,3 polgadas con resolución Full HD+, procesador de 8 núcleos, 6 GB de RAM, 128 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 512 GB), Wi-Fi AC, Bluetooth 5.0, NFC, lector de pegadas dixitais e batería de 3.720 mAh que pode cargarse por USB-C.

O Galaxy A9 chegará en novembro a España en varias cores

PUBLICIDADE