O Samsung Galaxy S8 Active destaca pola súa resistencia e autonomía
luns, 7 de agosto do 2017
Non é ningunha sorpresa que tras o móbil insignia de Samsung
saia unha versión reforzada do mesmo
orientada ao público aventureiro ou, simplemente, para quen precisa un
dispositivo resistente (por exemplo, por empregalo en exteriores ou contornos
industriais), polo que só era cuestión de tempo que vese a luz o Samsung Galaxy
8 Active, que finalmente sairá á
venda o vindeiro venres, aínda que durante a xornada de mañá xa poderá
reservarse en diferentes mercados.
Este novo smartphone vén a ser practicamente un Galaxy S8, ou sexa, que inclúe
un procesador Qualcomm Snapdragon 835, 4 GB de RAM, 64 GB de almacenamento
interno e cámaras de 12 e 8 Mpíxeles, pero mellora considerablemente en
capacidade da súa batería, pois pasa dos 3.000 mAh do S8 a 4.000 mAh, atendendo
así á necesidade que un móbil para usar normalmente no exterior teña unha boa
autonomía.
Exteriormente o móbil si é considerablemente diferente, pois prescinde da
fráxil pantalla infinita de Samsung para contar cunha máis que decente pantalla
Super AMOLED Quad HD de 5,8 polgadas co nalgo de marco para facilitar a súa
protección (para o que tamén inclúe un marco de grande resistencia). A pantalla
tamén está dotada de maior resistencia aos impactos e ás rabuñaduras que outros
smartphones, polo que estamos ante un deses dispositivos con materiais de grao
militar que consegue soportar auga, po e golpes pero cunha grande diferenza
fronte aos seus competidores: contar coas prestacións propias dun alta gama.