O Samsung Notebook 9 renóvase incorporando pantalla HDR e lector de pegadas

luns, 19 de decembro do 2016 Marcus Fernández

Os ordenadores ultraportátiles de Samsung veñen de renovarse, e así temos unha nova liña de Samsung Notebook 9, que conseguen sumar un deseño delgado e lixeiro, cunha avanzada conectividade, unha pantalla de calidade e incluso unha boa seguridade.
Estes novos equipos baseados en Windows 10 chegan en versións con pantallas de 15 e 13,3 polgadas, ambas con resolución Full HD e compatibles con vídeo HDR, de xeito que conseguirán captar a atención de moitos usuarios que queren gozar da tecnoloxía que está a impoñerse nos televisores de ultra alta definición. O modelo de 13,3 polgada pesa só 816 gramos e ten un grosor de 13,9 milímetros, mentres que o modelo de 15 polgadas pesa 984 gramos cun grosor de 14,9 milímetros, de xeito que estariamos ante equipos realmente delgados e lixeiros, que xunto a súa batería cunha autonomía de até 7 horas de autonomía permiten que poidan resultar de grande utilidade en mobilidade, aínda que , como acontece tamén cos últimos smartphones, tamén presumen de carga rápida, de xeito que non só pode completarse a súa carga en 80 minutos, senón que en só 20 minutos conseguiriamos até 2,1 horas de autonomía.
Os Samsung Notebook 9 poden abrirse até 180 gramos, contan cunha estrutura resistente para que poidan transportarse sen medo, cárganse mediante os modernos conectores USB-C, inclúen lector de pegadas dixitais compatible con Windows Hello (para que o usuario poida identificarse sen introducir un contrasinal), funcionan con procesadores de grande potencia (Intel Core i5/i7 de sétima xeración), contan con até 8 GB de RAM e 256 GB de SSD e poden presumir dunha grande conectividade (Wi-Fi AC 2X2, Bluetooth 4.1, 2 portos USB 3.0, 1 porto USB-C, saída HDMI, lector de tarxetas microSD e toma para auriculares/micrófono).

Os novos Notebook 9 de Samsung son moi delgados e lixeiros, e a súa pantalla pode abrirse até 180 graos

PUBLICIDADE