O Sony Xperia Z1 ve a luz cunha impresionante cámara de 20,7 Mpíxeles e resistente á auga

mércores, 4 de setembro do 2013 Marcus Fernández

Nos últimos meses vimos moitas filtracións sobre un smartphone de Sony alcumado Honami que hoxe veu finalmente a luz, aínda que baixo o nome de Sony Xperia Z1, que é o novo buque insignia da compañía xaponesa que conserva elementos chave do seu predecesor (como a resistencia á auga) e destaca por contar cunha cámara traseira de 20,7 Mpíxeles.
Este novo móbil chegará ao mercado en setembro, cunha pantalla TRILUMINOS Full Hd cunha diagonal de 5 polgadas, procesador Qualcomm MSM8974 de catro núcleos a 2,2 GHz, 2 Gb de RAM, 16 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de ata 64 Gb), conectividade LTE, NFC, Bluetooth 4.0, resistencia á auga (IPX5 e IPX8) e ao po (IP5X), batería cunha autonomía de ata 14 horas en conversa e 550 horas en espera, sistema operativo Android 4.2, un grosor de 8,5 milímetros e un peso de 169 gramos.
Un detalle curioso deste novo smartphone é que xa hai operadores que o están ofrecendo cun accesorio de balde que non é outro que o Sony SmartWatch 2, atendendo o que parece ser unha esaxerada atención que nos últimos día está a darse a accesorios deste tipo (e nos que Sony xa ten unha longa experiencia).

Sony presentou un obxectivo externo para smartphones

A presentación de Sony de hoxe tamén serviu para dar a coñecer un curioso accesorio para smartphones, o obxectivo encaixable DSC-QX100, que consiste nunha lente Carl Zeiss Vario Sonnar T cun sensor Exmor R CMOS, que ofrece un zoom óptico de 3,6x e unha apertura F1.8, que pode engancharse externamente a smartphones a través de Wi-Fi (con emparellamento por NFC) de xeito que o móbil funcionará como visor, sendo incluso posible separar o obxectivo e o móbil para disparar instantáneas de 20,2 Mpíxeles. Sony tamén porá á venda o DSC-QX10, que é un obxectivo semellante cun zoom óptico de 10x. En ambos casos cóntase con estabilización de imaxe tanto para fotografías como para vídeos.


Vídeo conceptual sobre as posibilidades dos obxectivos DSC-QX100/QX10

PUBLICIDADE