O Spawn HD-720 permitirá xogar remotamente á nosa consola

martes, 15 de setembro do 2009 Marcus Fernández

Durante o encontro TechCrunch 50 presentaron o Spawn HD-720, un dispositivo que permite adaptar a nosa consola de videoxogos (PS3, PS2, Xbox 360 ou GameCube) para funcionar de xeito remoto mediante streaming a 30 fotogramas por segundo e cunha resolución máxima de 720 liñas en progresivo.
Esta solución podería empregarse para xogar á consola dende un PC do noso domicilio cando esta ocupado o televisor de salón, para botar unha partida a dobres cun xogador remoto (incluso en xogos sen modo en liña), para poder botar unha partida aos nosos xogos cando esteamos de viaxe ou incluso para poder presentar remotamente as nosas partidas.
Este dispositivo está á venda por 199,95 dólares, e para dotalo de máis realismo, debería combinar con adaptadores de mandos das distintas consolas para o PC, que están á venda a 29,95 dólares cada un.

PUBLICIDADE