O Surface Book inicia a súa comercialización europea

xoves, 18 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

Mentres a tablet Surface Pro 4 leva un tempo dispoñible en España, o equipo Surface Book parecía estar a resistirse a chegar a esta lado do Atlántico, dando a impresión de que Microsoft non quería ampliar a súa distribución até corrixir serios problemas que tiña no seu firmware coa xestión da súa batería, que finalmente se corrixiu nunha importante e moi agardada actualización (para Surface Pro 4 e Surface Book), de xeito que os equipos máis atractivos de Microsoft superan as súas principais eivas para situarse no pedestal que merecen para establecerse como os equipos portátiles aos que o resto de fabricantes teñen que aspirar.
Non parece casual que sexa agora tamén o momento no que sae á venda en Reino Unido, Francia, Alemaña, Suíza e Austria o Surface Book, que en Inglaterra parte dun prezo de 1.299 libras esterlinas, deixando claro que non é un ordenador para todos os petos, pero ante o que aínda non hai ningún equivalente doutros fabricantes (como si acontece coa tableta Surface Pro 4, que ten bastantes competidores a prezos bastante atractivos). É así de agardar que en poucas semanas o equipo tamén se comercialice en España.
Cómpre lembrar que a principal diferencia entre ambos equipos de Microsoft é o seu uso principal, de xeito que o Surface Book é un portátil con pantalla de 13,5 polgadas que pode funcionar como tableta, mentres que a Surface Pro 4 é unha tableta con pantalla de 12,3 polgadas que pode empregarse como un ordenador portátil.

PUBLICIDADE