O Surface Pro 3 estrea un novo modelo con procesador i7 e 128 GB de almacenamento

luns, 29 de xuño do 2015 Marcus Fernández

As tabletas Surface Pro 3 son un dos produtos mellor valorados de Microsoft, converténdose en todo un referente á hora de ver o que pode dar de si Windows 8.1, e contando cunhas grandes expectativas de futuro de cara ao lanzamento de Windows 10, e aínda que hai rumores dunha nova xeración deste dispositivo tras a renovación do sistema operativo, a tenda en liña de Microsoft nos EE.UU. vén de sorprender incorporando un sexto modelo deste equipo.
Até o momento o Surface Pro 3 véndese en España cun procesador i3, 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento interno a un prezo de 859 euros como dispositivo de entrada; cun procesador Intel i5, 4 GB de RAM e 128 GB de almacenamento subiría o seu prezo até os 1.109 euros; o seguinte modelo, con procesador i5, 8 GB de RAM e 256 GB venderíase a 1.469 euros; e logo xa teriamos modelos con procesador Intel i7, 8 GB de RAM e 256 e 512 GB de almacenamento por 1.819 e 2.169 euros respectivamente. Ao parecer esta oferta non estaba a axustarse á demanda de usuarios que buscan equipos potentes (por exemplo, ilustradores que fan uso de plumas que supoñen unha importante carga a nivel de procesador e memoria) e así, chega agora unha versión que polo prezo do i5 con 256 GB achegaría un i7 con 128 GB de almacenamento, que nos EE.UU. véndese por 1.299 dólares, e que poderiamos telo en España por 1.469 euros (aínda que non está confirmada a chegada de tal modelo ao noso territorio).
Cómpre destacar que os prezos oficiais do Surface Pro 3 vén de incrementarse lixeiramente en España (incluíndo unha funda de entre 39,95 e 69,99 euros sen custo adicional na tenda en liña) existindo aínda tendas que o teñen á venda co prezo anterior, ou incluso con descontos bastante importantes, de xeito que é posible atopar o Surface Pro 3 co i3 e 64 GB a 679 euros en vez dos oficiais 859 euros.

PUBLICIDADE