O THL W11 chega ao mercado chinés con cámara frontal de 13 Mpíxeles
luns, 8 de xullo do 2013
Nos últimos meses non son poucos os smartphones que están a
optar por incrementar a resolución da súa cámara frontal para facilitar a
realización de auto-fotos, pero o fabricante chinés THL vén de levar esta
tendencia ao extremo co lanzamento do seu novo terminal con Android 4.2.2, o
W11, tamén chamado como Monkey King
(en referencia ao Rei Mono que
inspirara a creación do célebre Son Goku de As
Bolas Máxicas), que conta
con sensores de 13 Mpíxeles nas súas dúas cámaras.
O THL W11 funciona
cun procesador MT6589 de catro núcleos a 1,5 GHz, 2 Gb de RAM, 32 Gb de
almacenamento interno, pantalla IPS de 5 polgadas con resolución Full HD e
batería de 2.100 mAh, que o situarían como un dos móbiles máis potentes do
mercado, que como non podería ser doutro xeito, destaca polo seu prezo
axustadísimo: 1.699 iuans (276,78 euros).