O VLC chega a Xbox One

venres, 7 de outubro do 2016 Marcus Fernández

A espera rematou para millóns de usuarios da Xbox One, e finalmente estrouse na tenda de aplicacións da consola de Microsoft unha versión do reprodutor multimedia VLC, que tira proveito do feito de que a máquina funcione cunha versión de Windows 10 que permite correr aplicacións universais, de aí que na tenda de aplicacións o VLC poida lucir o selo Xbox Play Anywhere.
Polo momento Microsoft non está a destacar a aplicación, polo que os usuarios que desexen instalala na súa consola deben buscala expresamente, e tras a súa instalación poderán finalmente reproducir vídeo en numerosos formatos que inclúen os ficheiros que integran distintas pistas de audio e subtítulos, conseguindo incrementar de xeito considerable o potencial da Xbox One como equipo de reprodución multimedia.
A aplicación incluso incorpora un sistema de descarga automática de subtítulos, o que pode resultar moi práctico, aínda que nótase que estamos ante unha aplicación que aínda non está ben adaptada á consola de Microsoft, porque, por exemplo, é incompatible co mando a distancia oficial para a reprodución multimedia (que si funciona en aplicacións como Netflix, Plex e distintos reprodutores multimedia).

Con VLC poderemos reproducir contidos multimedia en numerosos formatos

PUBLICIDADE