O Vivo X200 Pro preséntase como o móbil con Android máis potente do mercado

luns, 14 de outubro do 2024 Marcus Fernández

Vivo presentou en China o seu novo Vivo X200 Pro, un smartphone moi completo e cun apartado fotográfico co respaldo de ZEISS, que se venderá no mercado chinés por un prezo que parte dos 5.299 iuans (685 euros), polo que poñen en apuros os móbiles de alta gama de moitos outros fabricantes. Prevese que chegue ao mercado español nas vindeiras semanas.
O Vivo X200 Pro está equipado cun procesador MediaTek Dimensity 9400 (con fabricación de 3 nanómetros), 12/16 GB de RAM LPDDR5X Ultra Pro, entre 256 GB e 1 TB de almacenamento interno, pantalla OLED de 6,78 polgadas cun refresco de 120 Hz e un brillo máximo de 4.500 nits, cámara traseira tripla cun sensor principal estabilizado de 50 Mpíxeles (Sony LYT-818), ultra grande angular de 50 Mpíxeles e teleobxectivo de 200 Mpíxeles con zoom periscópico de 3.5x, cámara frontal de 32 Mpíxeles, NFC, Wi-Fi 7, Bluetooth 5.4, infravermellos, altofalantes estéreo e batería de 6.000 mAh con carga rápida de 90 watts por cable e 30 watts por indución.
Aparte de grandes fotografías, tamén conta cun apartado de vídeo moi orientado a profesionais, podendo filmar en 4K con HDR a 60 imaxes por segundo, a 4K a 120 imaxes por segundo e incluso coa posibilidade de gravar en Log de 10 bits.
Estamos no que sobre o papel sería o smartphone con Android máis potente do mercado, e que posiblemente manteña tal posición até o remate do ano, pois probablemente non serán desbancados até que cheguen os novos móbiles de gama alta de Samsung no mes de xaneiro.

O Vivo X200 Pro chegará ao mercado en varias cores