O Vivo X90 Pro+ será o primeiro móbil con Snapdragon 8 Gen 2

mércores, 23 de novembro do 2022 Marcus Fernández

Está a piques de chegar ao mercado o novo procesador de Qualcomm, que promete un rendemento abraiante, recortando moito a distancia fronte aos procesadores de Apple, e finalmente o primeiro fabricante en incorporar o Snapdragon 8 Gen 2 é Vivo, co novo Vivo X90 Pro+, que sairá á venda en China o vindeiro 6 de decembro a un prezo de 6.499 iuans (872 euros).
Este impresionante smartphone, aparte do procesador de Qualcomm, tamén destaca pola súa pantalla AMOLED de 6,78 polgadas con resolución QHD+ e cunha velocidade de refresco de 120 Hz que integra un lector de impresións dixitais Qualcomm 3D Sonic. O móbil venderase con 12 GB de RAM LPDDR5 e 256 GB de almacenamento UFS 4.0 e batería de 4.700 mAh con carga rápida de 80 watts por cable e de 50 watts sen fíos.
A nivel de cámara, o Vivo X90 Pro+ conta cun sensor principal Sony IMX989 de 1 polgada e 50 Mpíxeles, apoiado por un obxectivo para retratos de 50 Mpíxeles, un teleobxectivo de 64 Mpíxeles cun zoom óptico de 3,5x e un obxectivo ultra gran angular de 48 Mpíxele Sony IMX589, que para deixar clara a súa calidade veñen acompañados dun selo de Zeiss.
En definitiva, que o Vivo X90 Pro+ ten o potencial para ser un dos mellores móbiles do mercado, pero polo momento non sabemos se estará dispoñible oficialmente en España.

PUBLICIDADE