O Xiaomi Redmi Note 3 terá modelo con procesador Qualcomm

venres, 15 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

O Xiaomi Redmi 3 chegou esta mesma semana co detalle de contar cun procesador Qualcomm Snapdragon 616 en vez do procesador de MediaTek do seu irmán maior, o Redmi Note 3, que en vista da demanda que teñen os procesadores de Qualcomm, vai contar tamén cunha variante co Snapdragon 650, incrementando o seu prezo lixeiramente até so 999 iuans (139,61 euros) no seu modelo con 2 GB de RAM e 16 GB de almacenamento interno (do modelo con 3 GB de RAM e 32 GB de almacenamento interno aínda non se coñece o prezo).
Este novo Xiaomi Redmi Note 3 sería un smartphone 4G+ con soporte VoLTE, pantalla Full HD de 5,5 polgadas, cámaras de 16 e 5 Mpíxeles e batería de 4.050 mAh, que ao incluír un procesador Qualcomm Snapdragon 650 a 1,8 GHz e gráfica Adreno 510 confía en achegar unha potencia sensiblemente maior á do modelo anterior do Note 3, pensando principalmente na súa explotación en videoxogos.
Este terminal chega polo momento só ao mercado chinés, e conserva o seu característico deseño metálico e o seu sensor de pegadas dixitais traseiro, características que están a valerlle unha grande sona, xa que sería un dos teléfonos chineses máis buscados nas últimas semanas.

JPEG - 28.2 KB
O Redmi Note 3 destaca polo seu corpo metálico e o seu lector traseiro de pegadas dixitais

PUBLICIDADE