O ZTE Grand X Max chegará ao mercado cunha pantalla de 6 polgadas
martes, 7 de outubro do 2014
O
vindeiro venres o operador
norteamericano Cricket Wireless comezará a comercializar o seu segundo tabletófono, o ZTE
Grand X Max, a un prezo de 199,99 dólares (157,90 euros) buscando atender á
demanda de grandes terminais con boa autonomía. O terminal que nos ocupa
presume dunha pantalla de alta definición de 6 polgadas, que funciona con
Android 4.4 e consegue un bo desempeño grazas ao seu procesador Qualcomm
Snapdragon de catro núcleos a 1,2 GHz.
Entre as características do ZTE Grand X Max tamén detalla que ten 8 Gb de
almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSD de até 32 Gb, cámara
traseira de 8 Mpíxeles con flash LED e gravación de vídeo en alta definición,
cámara frontal de 1 Mpíxeles e unha batería da que, aínda que non detallan a
súa capacidade, conta coa tecnoloxía Qualcomm Quick Charce 1.0, que permite que
poida cargarse en menos tempo (o que resulta especialmente necesario nos casos
dos tabletófonos, que ao ter baterías
bastante xenerosas tenden a demorar a súa carga moito máis do que están afeitos
os usuarios).