O ZUK Z2 Pro quere converterse no novo smartphone chinés ao que aspirar

xoves, 21 de abril do 2016 Marcus Fernández

O ano pasado Lenovo estreou a súa marca de smartphones ZUK co Z1, destacando polo seu prezo axustado, unhas prestacións de luxo, unha batería de grandísima capacidade e unha decidida aposta polos portos USB-C (contando con conectividade USB 3.0, algo que naquel momento era toda unha sorpresa), e agora volven á carga presentando o ZUK Z2 Pro, que mantén certa liña continuista, centrándose en mellorar as prestacións, e cun interesante cambio de pantalla (pasando dunha IPS FullHD de 5,5 polgadas a unha Super AMOLED FullHD de 5,2 polgadas).
Estamos ante un auténtico portento de potencial, cun procesador Qualcomm Snapdragon 820 con 4 núcleos a 2,15 GHz, que pode adquirirse en dúas configuracións: con 4 GB de RAM LPDDR4 e 64 GB de almacenamento UFS 2.0 (que sairá á venda o 10 de maio) ou con 6 GB de RAM LPDDR4 e 128 GB de almacenamento UFS 2.0 (que poderase encargar a partires de mañá a un prezo de 2.699 iuans, que veñen a ser uns 369 euros). Tamén destaca por unha cámara traseira de 13 Mpíxeles con estabilización óptica de imaxe, apertura f/1.8 e un sensor de 1.34 micrómetros (que promete ser moi superior do que estamos afeitos a ver en smartphones neste rango de prezo), cámara frontal de 8 Mpíxeles con apertura f/2.0, WI-Fi AC, Bluetooth 4.1, batería de 3.100 mAh con Quick Charge 3.0 (a través de USB-C) e lector de pegadas dixitais na parte frontal (que presume de ser capaz de recoñecer dedos húmidos). Para a telefonía conta con bandexa para dúas tarxetas nano SIM, e soporte LTE de categoría 6 (incluíndo a moi demandada banda dos 800 MHz). Fisicamente ten un grosor de entre 4,6 e 7,45 milímetros e un peso de 145 gramos.
Entre as características máis rechamantes deste smartphone está o feito de que na súa parte traseira integraron un monitor cardíaco óptico, e como grande carencia é inevitable comentar a ausencia do NFC, que parece responder ao feito de que tal tecnoloxía non é popular en China para realizar pagamentos co móbil.
Aínda que estamos ante un smartphone comercializado dende China, ZUK conta con servizo técnico internacional, polo que é un terminal bastante interesante, quedando pendente de desvelarse a incógnita de se repetirán a xogada do modelo anterior, que contou cunha versión internacional que en vez de funcionar cunha versión de Android personalizada (ZUI) optara por unha distribución de grande sona como é CyanogenOS.

O ZUK Z2 Pro pode reservarse en cor branca ou negra

PUBLICIDADE