O Zeemote JS1 quere mellorar o control dos xogos para móbiles

xoves, 31 de xullo do 2008 Marcus Fernández

Os xogos para móbiles normalmente están limitados pola reducida pantalla dos terminais e pola incomodidade do teclado para o seu control, pero este último detalle poderá solucionarse grazas a un periférico coñecido coma Zeemote JS1, que se adapta perfectamente á man e que funciona sen fíos, de xeito que converte o xogo no móbil nun proceso máis natural, equivalente ao que o rato é para o ordenador.
O Zeemote comunícase mediante Bluetooth, é compatible cunha chea de terminais de Motorola, Nokia, Samsung, Sony Ericsson e LG, e finalmente parece que podería converterse nunha opción altamente viable xa que desenvolvedores coma Gameloft, Eidos, SEGA Mobile, Electronic Arts ou Fishlabs van a dar soporte para este trebello.
O lanzamento comercial do Zeemote JS1 terá lugar en Europa durante este ano (pasando a Norteamérica e Asia en 2009) e ao contar co apoio da industria de creación de videoxogos pode ser un accesorio moi interesante para os que gusten de utilizar o móbil coma pasatempo.
Para entender mellor as posibilidades para este accesorio podemos ver o seguinte vídeo:

PUBLICIDADE