O auricular Xperia Ear aspira a ser un asistente persoal

venres, 18 de novembro do 2016 Marcus Fernández

O concepto de auricular Bluetooth par empregar a xeito de asistente persoal que propuxo Motorola hai un par de anos co seu Moto Hint demostrou ser todo un acerto, saíndolle imitacións tanto dende Apple como dende Sony, e esta última compañía, pese a anunciar en febreiro o seu Xperia Ear no marco do Mobile World Congress de Barcelona, non é até esta semana cando finalmente o produto está á venda en Europa por 199 euros, mentres que nos EE.UU. terán que agardar até decembro para poder gozar deste accesorio.
O Xperia Ear é un pequeno auricular de 29,3 x 15,2 x 25,2 milímetros e 6,8 gramos de peso que pode levar comodamente na orella durante toda a xornada para poder realizar chamadas de voz, dar ordes ao smartphone ou incluso recibir información personalizada sobre a marcha, que ao igual que o Moto Hint, inclúe un estoxo de carga, de xeito que o dispositivo conta con 4 horas de autonomía (en conversa) que poden alargarse até as 16 horas de uso grazas ao mencionado estoxo (que só pesa 39 gramos). O accesorio podería levarse na orella, en espera, até unhas 80 horas. Funciona con móbiles que conten con Android 4.4 ou superior, conta con conectividade Bluetooth 4.1 e NFC, o seu estoxo cárgase mediante un porto micro USB, o seu micrófono dobre conta con tecnoloxía de cancelación de ruído.
Aínda que podemos ver este accesorio como un simple sistema de mans libres, busca ser algo máis, de xeito que permite enviar e recibir mensaxes sen sacar o móbil do peto, consultar a axenda, buscar e navegar... todo sen ter que tocar o smartphone, e non limitándose só a reaccionar mediante a voz, senón que tamén recoñece xestos, de xeito que poderiamos confirmar unha acción asentindo coa cabeza. Un interesante produto que encaixa no concepto de relación coa tecnoloxía que pretenden que se impoña nos vindeiros anos.

Vídeo promocional do auricular Xperia Ear

PUBLICIDADE