O casco de realidade aumentada Magic Leap 2 verá a luz en setembro
venres, 15 de xullo do 2022
En 2018 o
casco de realidade mixta Magic Leap One sorprendeu ao mundo co seu
potencial, xa que a tecnoloxía empregada para proxectar imaxes fronte aos ollos
do usuario era o mellor que había até o momento (aínda que cun ángulo de visión
moi reducido), e aínda que a moitos decepcionase que esta tecnoloxía non conseguise
avanzar tan rápido como para chegar ao grande público, continúa a progresar, e o
vindeiro 30 de setembro abrirase a venda nos EE.UU. das Magic Leap 2.
Estamos ante un produto que non está orientado ao mercado de consumo, polo que
agora promociónase como unha plataforma de realidade aumentada para empresas, e
o seu modelo básico venderase a 3.299 dólares, mentres que a versión para
desenvolvedores custará 4.099 dólares e a que versión corporativa custará 4.999
dólares, deixando claro que non estamos ante un produto para o grande público,
senón para atender a demandas moi específicas.
As Magic Leap 2 ofrecen unha vez máis unha das tecnoloxías de visualización de
realidade aumentada con maior calidade de imaxe do mercado, conseguindo que o
casco sexa lixeiro ao trasladar as funcións de cómputo a un módulo exterior. Esta
tecnoloxía permite un campo de visión cunha diagonal de até 70 graos, o que
está na liña dos seus competidores, deixando claro que o produto pode resultar
interesante (principalmente en contornos profesionais no que a visión
tridimensional sexa crucial), pero está moi lonxe do soño dunha realidade
aumentada realista e inmersiva.