O centro de FP A Carballeira recoñecido polo seu traballo sobre Luísa Villalta no metaverso

martes, 7 de maio do 2024 S. P.

Este martes 7 de maio entregouse en Ourense o premio do Concurso-Exposición Letras Galegas 2024 sobre a figura da escritora homenaxeada este 17 de maio, Luísa Villalta, na modalidade de Secundaria, Bacharelato, FP e Ensinanzas de Réxime Especial. A encargada de conceder o galardón foi a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e o centro destinatario foi o CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel, polo seu traballo Viaxe polo metaverso con Luísa Villalta, unha proposta que fai un percorrido pola obra e vida da poeta coruñesa mediante a Realidade Virtual.
En concreto, o traballo gañador destaca “polo seu carácter innovador ao amosar a protagonista das Letras Galegas como un avatar que convida a percorrer a súa traxectoria persoal e profesional a través do metaverso, unha Realidade Virtual na que se dispoñen imaxes, recursos e actividades interactivas”. Fernández destacou o valor deste proxecto pois “trátase dunha excelente exposición e guía para traballar co alumnado na sociedade actual, na que as tecnoloxías da comunicación están moi presentes no eido educativo, laboral e cotián”.
A exposición vai acompañada, ademais, dunha guía didáctica que orienta o percorrido polos carteis e contribúe ao coñecemento e divulgación de Luísa Villalta e da súa época, na que “colaboraron alumnos de oito ciclos formativos diferentes, ademais dun grupo de profesores de distintas especialidades”, remarcou Judith Fernández.
O certame
O Concurso das Letras Galegas está organizado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través da Secretaría Xeral de Lingua co fin de divulgar a figura e o legado da homenaxeada nas Letras Galegas deste ano. O certame lévase a cabo todos os anos, conta con dúas modalidades: a correspondente a Educación Infantil e Primaria e a de Educación Secundaria, Bacharelato, FP e Ensinanzas de Réxime Especial.
Na modalidade de Infantil e Primaria fíxose este ano co galardón o Colexio CEIP Raquel Camacho da Coruña polo seu traballo Luísa Villalta, tatuada na pétrea pel do mar. Nel destacan a creatividade, a beleza estética, a cooperación de todo o alumnado, o carácter integrador e inclusivo e o emprego de técnicas e recurso diversos.
A as exposicións están dispoñíbeis en versión dixital e pódense descargar (canda outros recursos como marcadores de páxina, regras etc., e outros creados polos equipos de dinamización da lingua galega doutros centros educativos) no Portal da lingua galega, a web da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

PUBLICIDADE