O eido educativo galego conta cunha aula virtual para o intercambio de coñecemento

luns, 30 de novembro do 2009 Fernando Sarasketa

A Xunta vén de presentar unha iniciativa para ampliar cara ao dixital o espazo de acción das aulas tradicionais. O obxectivo é duplo e, coma todo o que ten que ver coa promoción da Rede, semella complementarse a si mesmo: por unha banda quérese botar man das novas tecnoloxías para favorecer a achega de coñecemento e, pola outra, traballarase con información común para fomentar o uso desas novas tecnoloxías. Máis en detalle, trátase dunha Aula Virtual Aberta, posta en marcha por Educación no marco do proxecto Webs Dinámicas e seguindo unha liña de participación e colaboración entre estudantes e docentes. Neste senso, a Aula favorecerá o traballo cooperativo para intercambiar traballos, experiencias e proxectos.
Asemade, informa Educación, servirá para dar acubillo a todos os cursos virtuais que estea a desenvolver o profesorado galego, co obxectivo de acurtar a distancia entre estas iniciativas e os seus principais destinatarios: os restantes membros da comunidade educativa. Deste xeito, preséntalles aos desenvolvedores a posibilidade de xestionar as súas achegas dende a Aula, “achegas ás que poderán ter tamén acceso os convidados, non usuarios habituais da plataforma”, informa a Consellería de Educación.

PUBLICIDADE