O evento Ciencia Singular da USC converteranos en científic@s por un día
luns, 15 de novembro do 2021
O vindeiro día 20 de novembro, o evento organizado pola Rede de
Centros Singulares de Investigación (RCSI) da USC, abrirá as súas
portas co obxectivo de que a sociedade se sinta parte da actividade
científica e tecnolóxica e axude ao seu desenvolvemento, así como
para dar a coñecer entre os máis novos o traballo das persoas que
investigan nese lugares. O
CiQUS, o CiTIUS, o CiMUS e o IGFAE, ofrecerán a posibilidade de
visitar as súas instalacións e laboratorios, charlar co
persoal, e converterse en parte do equipo investigador por un día.
Charlas
divulgativas
Diego Peña, María Tomás, Ester Polo e Moisés Gulías, algúns dos
científicos e científicas do CiQUS, desenvolverán actividades nos
seus laboratorios tales como Conversas cos nosos investigadores,
nas que darán a coñecer o seu traballo habitual no centro e as
últimas novidades das súas investigacións.
Por outra banda, o CIMUS organizará charlas divulgativas da man de
grandes especialistas en terreos científicos. Entre outros, Ángel
Carracedo falará sobre a medicina personalizada e Fernando Domínguez
resolverános a dúbida de se o cancro é unha enfermidade
hereditaria.
No programa do centro de novas tecnoloxías intelixentes CiTIUS
poderemos atopar conferencias do grupo de investigación sobre
novidades desenvolvidas no centro, incluídas temáticas relacionadas
coa Intelixencia Artificial, impartidas por María José Carreira; ou
sobre a chegada das supercomputadoras Exascale, por Juan Carlos
Pichel.
O IGFAE presentará diferentes charlas informativas a través de
Cristina Cabo, Xabier Cid, José Edelstein e Verónica Villa, que
serán retransmitidas en directo na canle de Youtube do IGFAE á vez
que teñen lugar no centro.
Científic@s
por un día
A través de obradoiros como Xogando coa química do
CiQUS, os cativos e cativas descubrirán a importancia das cores na
química. Na acción Infiltrados no Laboratorio, os
asistentes comprenderán o funcionamento dalgúns dos equipos máis
representativos do centro.
Entre os obradoiros de Ciencia Divertida, propostos polo CiMUS para
os máis pequenos, estará aprender a elaborar dentífrico natural ou
coñecer máis cousas sobre o pH. Tamén se ofrecerán obradoiros
divulgativos sobre ilusións sensoriais e plaquetas, para un público
máis maior; e un tour virtual polas instalacións do CiMUS para os
máis curiosos.
A aposta do CiTIUS para esta quinta edición de Ciencia Singular será
a presentación da xornada cos 17 Obxectivos de Desenvolvemento
Sostible (ODS) das Nacións Unidas. Desta maneira, a xornada mostrará
como o CiTIUS está a contribuír con estes obxectivos seguindo unhas
pautas: unha Intelixencia Artificial (IA) ética e transparente,
algoritmos de seguimento de obxectos, máquinas que entenden a
linguaxe humana... Esta xornada tamén servirá para aproximar a
robótica á xente.
O IGFAE permitirá coñecer como funcionan as súas instalacións de
forma práctica. Para os máis pequenos haberá un obradoiro sobre
gravidade no espazo, e aprenderán conceptos relacionados co
espazo-tempo. Os máis maiores, por exemplo, poderán observar as
partículas cósmicas que caen á Terra continuamente a través de
cámaras de néboa. A xornada rematará coa exposición dunha carta
de núcleos construída con Legos para visualizar isótopos en tres
dimensións.