O fundador de Amazon merca The Washington Post

luns, 5 de agosto do 2013 Marcus Fernández

Nos tempos nos que emerxeu a febre das puntocom moitos medios tradicionais pasaron a mans de xigantes da Internet (especialmente visible no caso de AOL-Time Warner), xogada que parecía que non ía repetirse tras a burbulla tecnolóxica, de aí que fose toda unha sorpresa para moitos o anuncio de que Jeff Bezos, fundador da tenda en liña Amazon, mercase o xornal The Washington Post por 250 millóns de dólares, nunha operación que completarase nos vindeiros 60 días.
The Washington Post é toda unha insignia do xornalismo norteamericano, especialmente por destapar o escándalo Watergate, pero nos últimos anos tivo unha considerable caída de vendas ata quedar nunha circulación total de 474.767 exemplares (caendo un 6,5% no último ano), o que o sitúa como o 7º diario máis popular dos EE.UU.
O propio Bezos publicou unha carta aos traballadores do Post para dar conta da operación, na que asegura entender as súas reticencias iniciais (o xornal leva 80 anos pertencendo á mesma familia) e engade que non liderará a cabeceira no seu día a día, pero pretende contribuír a un cambio de rumbo que faga que un medio que saiba estar á altura das innovacións que están a mudar o mundo da comunicación, mantendo o espírito de rigor do Post e confiando no papel crítico do xornalismo para facer posible unha sociedade libre.
O actual director executivo de The Washington Post, Donald Graham, recoñece que o diario leva sete anos seguidos perdendo ingresos, e aínda que estaban seguros de poder manter o medio en activo, non querían conformarse coa supervivencia, polo que decidiron aceptar a oferta económica de Bezos para poder continuar na senda da innovación. Pola súa banda, a editora do xornal, Katharine Weymouth, confirma que a compra non involucra a Amazon, senón a Bezos a título persoal, quen pediu a Weymouth que mantivese o seu posto, como un exemplo máis de que a compañía busca manter o seu corazón.

PUBLICIDADE