O iPad Pro ve a luz cunha pantalla de 12,9 polgadas e lapis opcional
mércores, 9 de setembro do 2015
Tras varios anos de rumores, o iPad Pro por fin é unha realidade,
o que parecía inevitable despois de que se anunciase que iOS 9, sistema
operativo que comezará
a distribuírse como actualización o vindeiro día 16, incluía un modo de
funcionamento que permitía ter dúas aplicacións abertas ao mesmo tempo en
pantalla. Esta nova tableta de Apple ten unha pantalla Retina de 12,9 polgadas
(cunha resolución de 2.732 x 2.048 píxeles), converténdose no dispositivo con
iOS con máis píxeles en pantalla, que para mover toda esa información gozará
dun procesador A9X de 64 bits, que aseguran que pode medirse coa meirande parte
de ordenadores portátiles actuais en potencia, á vez que poderá gozar dunha
autonomía dunhas 10 horas (dabondo para unha xornada de traballo completa).
Pese ao seu grande tamaño, o iPad Pro conseguiu limitar o seu grosor en 0,69
centímetros e o seu peso en 713 gramos (peso moi semellante ao primeiro iPad
con pantalla de 9,7 polgadas).
Dadas as limitacións de iOS resulta evidente que o novo iPad non entraría a
competir con produtos como o último MacBook, estando orientado o seu uso ao
control táctil, pero para poder ofrecer unha experiencia máis completa Apple
tamén desenvolveu o Apple Pencil, un lapis dixitalizador que venderase por
separado e que sería de grande utilidade para ilustradores ou usuarios que
queiran empregar a súa tableta como se fose un caderno tradicional.
O iPad Pro tamén contará cun accesorio á venda por separado, o Smart Keyboard,
que é unha funda que integra un delgado teclado de tamaño completo, que pode
lembrar ao que fixo Microsoft coa Surface Pro, pero prescindindo desta volta de
touchpad, polo que as súas funcionalidades son moi limitadas, sendo a súa
principal diferenza con outras fundas anteriores que incluían un teclado
Bluetooth que este novo produto integra un conector de carga que elimina a
necesidade de que o teclado teña que tirar dunha batería de seu para
alimentarse.
Para dar forza ao uso profesional desta nova tableta dende Apple incidiron no
feito de que poderá funcionar con aplicacións como o Office 365, xa que o
software ofimático de Microsoft é un estándar de facto que ao gozar de boas prestacións en tabletas facilitará
que certo perfil de usuario anímese a facerse cun iPad a medio camiño entre
tableta e portátil, que prefire manter un pé firme no eido dos dispositivos
táctiles que buscan máis un uso en mobilidade que de escritorio.
De cara á conectividade sen fíos, o iPad Pro gozará de Wi-Fi AC con MIMO e na
súa versión con banda larga móbil incluirá soporte de LTE de múltiples, bandas,
conseguindo así un dispositivo que tira o mellor proveito posible das conexións
de datos sen cables.
Sobre o lanzamento deste produto, polo momento sabemos que iniciará
a súa distribución en novembro, e os prezos para EE.UU. que van dos 799
dólares do modelo con 32 GB de almacenamento interno e Wi-Fi até os 1.079
dólares do modelo de 128 GB con LTE. Amais tamén venderán o Apple Pencil por 99
dólares e o Smart Keyboard por 169 dólares.
Vídeo de presentación do iPad Pro