O iPhone 5S está a experimentar máis reinicios e fallos que o resto de móbiles de Apple

venres, 11 de outubro do 2013 Marcus Fernández

Moitos usuarios de dispositivos móbiles de Apple están a dar conta da inestabilidade que experimentan con iOS 7, sistema operativo que ao ser novo é normal que amose comportamentos erráticos con numerosas aplicacións, pero dende Crittercism están a dar conta dun detalle bastante curioso: no caso do iPhone 5S a relación de fallos das aplicacións é o dobre que nos iPhone 5 e 5C.
É de agardar que isto sexa así porque, aínda que iOS 7 estivese en probas durante bastantes meses, os desenvolvedores puideron probalo só en hardware vello, e non no iPhone 5S, que é substancialmente diferente ao contar cun procesador de 64 bits e un co procesador M7. O tamén novo iPhone 5C non daría problemas por ser internamente case idéntico ao iPhone 5.
Pero unha das cousas máis curiosas que están a pasar co iPhone 5S é que un dos seus fallos de funcionamento consiste nun reinicio do terminal tras amosar unha pantalla azul, o que está a verse con certo humor na Rede por lembrar aos pantallazos azuis propios de anteriores versións de Windows. Ao parecer, este último fallo estaría provocado pola aplicación iWork, e podería evitarse desactivando a sincronización de iCloud coas aplicacións ofimáticas de Apple (Pages, Numbers e Keynote).


O pantallazo azul do iPhone 5S visto en vídeo

PUBLICIDADE